mércores, 23 de marzo de 2016

Entrevista a Benigno Galego Castro: Os retos para o mandato son acción social, a xeración de emprego e a busca de novas liñas de financiamento ... En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos...

A continuación transcribimos esta interesante entrevista, onde o recentemente elixido alcalde de Cerdido, formula una serie de proxectos e actuacións que son dignas de consideración. Desde a nosa perspectiva, marca un camiño moi interesante, para saír da depresiva situación de declive na que se atopan as comarcas do noroeste galego.

" ...
En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático ... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos. Tratase de valorizar os residuos facendo biomasa. E máis ecolóxico que Sogama e abarataría moito o custe (de 60 euros a 15 euros por tonelada). Pero tería que ser un proxecto comarcal. ..."

Entrevista a Benigno Galego Castro [*]


"Necesitamos un plan de rehabilitación de vivenda para acoller aos 700 temporeiros que contratará Horticina no ano 2018"

Os retos para o mandato son acción social, a xeración de emprego e a busca de novas liñas de financiamento. O obxectivo: "dar os mellores servizos aos veciños".


P.: Nestes meses á fronte do Concello de Cerdido. Que atoparon e que fixeron?

R.: Economicamente atopamos ben o concello.Tiñamos remanentes de entorno a 90.000 euros e nese sentido non nos queixamos. Onde invertilos, tamén tińamos moitos sitios.

P.: Onde se investiu?

R.: Uns 25.000 euros foron para a devolución da paga extra dos funcionarios. Despois metemos remanentes en accións urxentes, coma o asfaltado dalgunhas pista, arranxos de humidades en determinados edificios, en dependencia...

P.:Aprobado o orzamento de 2016, muda en algo respecto ao do anterior equipo de goberno?

R.: A maior parte do orzamento é para os gastos de persoal. Pero aumentamos o presuposto en acción social e, sobre todo, en dependencia. Puxemos o servizo para sábados, domingos e festivos, que non había. E por iso incrementamos a partida en 30.000 euros. Destinamos o 17,15% do orzamento a acción social, pasando duns 167.000 euros a 197.000 euros.

P._ Contemplan algunha acción destacable para xerar emprego no concello?

R.: Esperamos que a Deputación da Coruña saque o plan de emprego e nós apostamos tamén pola formación. Estamos levando a cabo cursos de atención a domicilio e horticultura, que é unha aposta bastante forte para un concello pequeno.

P.: E boa a inserción laboral destes cursos?

R.: O de atención a domicilio ten bastante inserción e as persoas saen coa certificación profesional e con pŕáticas feitas. No plano da horticultura, agardamos que xere autoemprego e tamén hai opcións de inserción. Defeito, apostamos por iso por unha empresa local que prevé a creación de bastantes empregos. Horticina ten unha plantación de arandos aquí n'A Barqueira, que dentro de dous ou tres anos precisará sobre 700 persoas á hora da recollida do produto. Por iso se enfoca cara ese sector a formación. Este ano xa se prevé a creación, na recollida, de 80 postos de traballo.

P.: Ten Cerdido capacidade para acoIler a estes traballadores?

R.: Cerdido, agora, non daría asumido ese volume de xente. Tivemos unha reunión coa Consellería para ver se podiamos crear un plan de rehabilitación de vivenda, que nos permitiría xerar traballo na construción e cremos que algunha xente se asentaría no Concello. Horticina comprometese a alugar as vivendas para aloxar aos temporeiros. Apostamos por iso para 2018, cando o proxecto tería a produción total. E como a recolleita é de xullo a outubro, e é temporada alta no entorno, queremos adiantarnos ao problema e darlle unha solución.

P.: Está o futuro do Concello no sector agrícola ? Cren que asentará poboación?

R.: Cremos que aquí na zona rural a agricultura está por explotar e pode ser bastante produtivo. Nós, para asentar poboación, apostamos pola creación de postos de traballo. Horticina parécenos moi interesante neste plano e tamén queremos desenvolver o polígono industrial, pero teríamos que facer unha modificación no plan de urbanismo, para poder urbanizar por fases que face-lo ao 100% coa crise é difícil.

P.: Hai empresas interesadas en asentarse neste polígono?

R.: Polo que viamos dende antes e polo que vemos agora, hai empresas sobre todo o do sector forestal interesadas, Só dende que estamos nós, veu unha empresa que se quería instalar aquí, pero o inconveniente é que non temos solo industrial. Realmente, cremos que arrastraría máis empresas, Non grandes empresas, coma nas Somozas, pero si outras máis pequenas, que tamén contribúen a xerar emprego.

P.: Que cambios aspirades a facer en Cerdido neste mandato?


R.: Cos orzamentos que temos é difícil. Hai que traballar moito no día a día. Non podes facer un plan de futuro porque o presuposto é moi limitado. Pero a nosa idea é dar os mellores servizos aos veciños. Incluso buscar novas vías de financiamento. Fai pouco fomos a Bruxelas e trouxemos información.

P.: Algún proxecto en mente optando a fondos europeos?


R.: O Concello pode optar directamente a axudas europeas sen pasar pola Xunta ou o Agader. En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático ... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos. Tratase de valorizar os residuos facendo biomasa. E máis ecolóxico que Sogama e abarataría moito o custe (de 60 euros a 15 euros por tonelada). Pero tería que ser un proxecto comarcal.

P.: Europa segue a ofrecer oportunidades?

R.: O Problema é desenvolver o proxecto. En Bruxelas, sorprendíanse de que non se pediran máis axudas neste plano. Supoño que moitos concellos non saben que existe vía para optar a fondos europeos directamente. Nós tamén pensabamos que os fondos viñan a partir doutras administracións.

Fonte: Publicada na revista "Norte Atlántico" Febreiro de 2016. | Entrevista a Benigno Galego Castro, Alcalde do Concello de Cerdido.

[*] Benigno Galego Castro, Cerdido, 1977. É funcionario da Administración Xeral do Estado (Defensa). Membro do PSdeG-PSOE, foi elixido alcalde nas pasadas eleccións locais de maio de 2015, onde a súa candidatura acadou a maioría absoluta, desbancando ao PP que viña gobernando o concello até entón. Benigno Galego non é novo na actividade municipal, pois levaba dez anos como concelleiro na oposición.

||||||||||||||||||||

Xornada de Traballo para un Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica (Segunda Sesión).


Este mércores 23 de Marzo, continuamos coas Xornadas de Traballo para un Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, ás 18:00 horas no local de Fuco Buxán en Caranza (Rúa Armada Española, 32 Baixo).

O obxectivo destas xornadas de traballo, é intentar desenvolver unhas bases mínimas sobre as que construír o Plan de Choque Comarcal Contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, para poder ter información e argumentos de peso nas posibles reunións de traballo que poidamos ter cos diferentes gobernos municipais. Mais tamén ir perfilando o posicionamento político e a estratexia, para quen preside as administracións locais das tres comarcas do noroeste galego, tomen a iniciativa e se preocupen a fondo nas solucións ao declive industrial, social, demográfico e económico na que estamos inmersos nesta moi rica zona de 20 concellos e de 196.203 habitantes.

Neste enlace están os datos dos concellos  http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/

Na primeira sesión das Xornadas, elaboramos unha guía de traballo cos horarios á que achegamos: Acceder/Baixar.

Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |

|||||||||||||||||||||